Saturday 20 de April de 2024

A Coruña acollerá esta fin de semana o IX Torneo Eixo Atlántico de Hóckey sobre Patíns


Algunhas das máis destacadas canteiras galegas e portuguesas deste deporte competirán no regreso desta competición dous anos despois

O Pazo dos Deportes da Coruña acolleu esta mañá a presentación do IX Trofeo Eixo Atlántico de Hóckey sobre Patíns. Esta competición está organizada pola Concellaría de Deportes e Eixo Atlántico e reunirá nas cidades a algunhas das mellores canteiras do hóckey galego e portugués.

Este torneo de categoría infantil regresa tras a obrigada pausa do ano pasado pola pandemia. “Recuperamos pois o xa consolidado Torneo, non só como un referente deportivo para a modalidade do Hóckey Patíns, senón tamén como ferramenta para transmitir os valores do Eixo Atlántico e o acercamento e intercambio de experiencias tanto persoais como deportivas, entre os diferentes equipos da eurorrexión”, sinalou Mónica Martínez.

No sorteo do torneo participou César Carballeira, xogador do Liceo e campión de Europa coa selección española. O grupo A estará formado polo ACD Gulpilhares (Vila Nova de Gaia), Deportivo Liceo e Académico (Porto). O grupo B estará formado polo Compañía de María, CH dos Carvalhos (Vila Nova de Gaia) e Escola Lubiáns (Carballo). O grupo C inclúe a AD Valongo (Valongo), CH Compostela e HC Ferrol. Por último, o grupo D estará formado por Dominicos, Riba de Ave (Vila Nova de Famalicao) e CA Bragança (Bragança). Os dous primeiros grupos disputarán os seus partidos en Riazor e os dous últimos en Montealto.

“Gústanos este torneo porque sae da base, é unha proposta dos clubs coruñeses. O hóckey é marca de imaxe da Coruña. É un proxecto da cidade”, sinalou por outra banda Vázquez Mao, secretario xeral do Eixo Atlántico. Tamén asistiron Miguel García Feijóo, xerente da Federación Galega de Patinaxe; José Luis Otero, presidente da Asociación Coruñesa de Hockey sobre Patíns; e Josep Sellas, técnico do Compañía de María e elixido mellor adestrador da Eurockey Cup.

Os partidos comezarán ás 10.00 horas do sábado. A xornada final será o domingo no Pazo dos Deportes de Riazor a partir das 9.00 horas. A final está previsto que se dispute ás 16.00 horas.